Blogia
Blog do CEIP Montemogos

Atrapacontos no noso cole: Anxo Moure

Hoxe visitounos nas escolas de Curraces, Bon e Cabalo e tamén no cole de Beluso o famoso atrapacontos Anxo Moure, que chegou montado na súa super ciclobiblioteca (unha bici cun cesto cargado de libros).

Anxo pertence a unha ONGD que se chama "Bicis pola paz", e que lle envía bicis aos mestres e os médicos dos países pobres onde a xente só ten para andar a pé.

Logo ensinounos a atrapar os contos, a comelos e a contalos.

Gustáronnos moito os contos do Lobo Garabelos, do Chinchanciño, da nube Cristina, da xacia Lubiñas que daba cariciñas... e moitos máis...

Aquí Anxo estalle ensinando o seu corazón reciclado aos nenos. Reciclouno porque se portaba mal. O resto das fotos podedes velas pinchando na de arriba.

Para non esqueceros, moitos dos contos tédelos na páxina de Contos Solidarios.

E xa de despedida imos ver uns vídeos: no primeiro os nenos miran polo miramundos, o corazón dunha árbore, e cando isto fan xa nunca máis poden facerlle dano á natureza.



No segundo vídeo lembramos o que fixemos nos contos: limpamos o bosque, prantamos árbores da palabra paz, non deixamos que Chinchanciño tirase máis lixo, abrazamos as árbores, reciclamos o noso corazón e convertimos o vento da mentira en vento da xustiza e da liberdade.... para sermos os salvadores do mundo.

Moitas grazas, Anxo, e ata pronto.

0 comentarios