Visita ao museo Massó e charla de D. Arturo Sánchez
O venres pasado, o alumnado 5º e 6º cursos visitamos o museo Massó, en Bueu. Contamos coa excelente guía do señor D. Manuel Aldao Portas, antigo xefe de persoal da conserveira, que nos contou un feixe de anécdotas e historias arredor da pesca, as artes, os barcos, etc. Chamounos moito a atención as historias sobre a pesca da balea, e puidemos ver un arpón e outras ferramentas para cazar baleas. Tamén nos explicou como traballaba a xente de Beluso, pescando e vendendo peixe na lonxa, cos cestos que facían os cesteiros e que levaban as mulleres na cabeza.
(Temos máis fotos pinchando na de arriba, ou aquí)
No museo hai dous andares, e no andar de arriba hai libros moi vellos, algúns de antes de que se inventase a imprenta (antes de que Colón descubrise América) e que se chaman "incunables", que explicaban como había que navegar. Tamén había maquetas moi grandes de carabelas e outros barcos moi importantes, de guerra. O máis grande de todos era o barco que mandaba o almirante Churruca na batalla de Trafalgar.
O luns tivemos unha charla que nos gustou moito sobre a salga (ou salgadura) e a conserva en Bueu. D. Arturo Sánchez contounos como era o proceso da salga nas primeiras factorías que houbo en Bueu e en Beluso, que as fixeran empresarios cataláns e tamén un italiano moi famoso e moi rico. Os cataláns foron quen trouxeron a arte de pesca do cerco e así pescábanse moitas sardiñas.
O proceso da salga consistía no seguinte:
1. Pescábanse as sardiñas e botábanse nunhas pozas con moito sal, facendo unha salmoira. Cando unha pataca flotaba nesa auga era que tiña o sal que lle facía falta.
2. As sardiñas cosíanse nunhas restes para que se secasen.
3. Despois de lavadas empaquetábanse dentro dunhas barricas ou pipas, como as do viño, alternando unha capa de sardiñas e outra de sal.
4. Para terminar, prensábanse, para que perdesen a graxa de sobra, e xa estaban listas para a venda.
Aínda non hai moitos anos que Bueu estaba chea de fábricas de salga e de conserva, onde traballaban moitísimas mulleres. Esas fábricas foron pechando porque deixaron de ser rentables e agora só queda unha ou dúas. Pero non podemos esquecer o importante que foi este traballo para que Bueu e Beluso sexan hoxe en día o importantes que son, e debemos conservar a súa memoria. (Ver foto da antiga fábrica de Massó en Cangas).
Tamén os recordamos que temos unha exposición na biblioteca sobre sobre a salga e as conservas en Bueu: podedes ver os diferentes tipos de prensas, de latas de conservas, un maletín dun vendedor, fotos... (Aquí podedes ver unhas cantas fotos da exposición)
0 comentarios