Blogia
Blog do CEIP Montemogos

As escolas de infantil en Apípolis

Hoxe todas as nenas e nenos de infantil fomos coas nosas profes a Apípolis, a cidade das abellas, en Xeve, Pontevedra. Pasámolo superben. Vestímonos cos traxes de apicultores, para que as abellas non nos picasen, cunha funda con careta e cuns guantes amarelos enormes coma soles.

Despois vimos colmeas con abellas de verdade, pois había un señor apicultor que nos ensinaba todo, e que lle botaba fume ás abellas para que non se enfadasen. Vimos as obreiras, as larvas, a raíña e os abázcaros, que eran os máis gordos. As abellas chegaban á colmea cargadas de mel e tamén coas patas cheas de pole de moitas cores: branco, amarelo, laranxa...

As que máis medo tiveron foron as profes, que non movían nin un dedo por se acaso.

A seguir contáronnos un conto superdivertido e fumos ver unha exposición con moitos carteis, con vídeos, con osos que comían as abellas, e con enxames que vivían en colmeas de vidro, e viamos como as abellas entraban e saían.

Ao acabar o paseo tocou traballar de verdade, e tivemos que sacar o mel dos panais, dentro dun extractor, unha máquina parecida a unha bicicleta, e démoslle todos á manivela para ver quen era capaz de sacar máis mel. Ao final enchemos un caldeiro, e metemos o mel nuns frasquiños moi pequeniños.
E despois do traballo... tocou cociñar unhas riquísimas galletas de mel. A verdade é qué saíron un pouco duras, e a min case me rompen un dente, pero estábanche ben boas. Mentres se cocían as galletas fixemos unhas velas coa cera das abellas.
Chegou a hora da comida ¡e mira que tiñamos fame!

Ao acabar fomos xogar ao patio, e había que encestar un balón nunha canasta de baloncesto. Outros nenos xogaron nunha piscina que non tiña auga, e outros andaban atrás de Roni, un can moi guapo que non nos facía moito caso, nin aínda que lle tirasemos do rabo.

Pola tarde, cos monitores fixemos unha roda e cantamos e xogamos moito. E antes de irnos aínda nos regalaron a cada un de nós tres cousas: unha galleta de mel, unha vela pequerrechiña e un frasquiño cheo co mel que sacaramos na bici.
Esta si que foi unha boa excursión!!

Podemos ver aquí todas as fotos xuntas.

0 comentarios